Formación

Estudiei Historia da Arte en Santiago de Compostela. Alí absorbín algunha boa información teórica e visual, e tamén tomei contacto coa historia das artes aplicadas. Xa quedei algo tocado.

Aprendín os rudimentos da cantería na Escola de Canteiros de Pontevedra. Tomei contacto co traballo da madeira en Santiago, nunhas prácticas co meu amigo Buster. Fixen tamén varios traballos de restauración xunto a Uxía Aguiar (Parteluz Estudio), con quen comparto espazo de traballo na actualidade.

Apasiónanme a arquitectura, os materiais e a historia reflectida nos obxectos.

Aínda que participei en numerosos cursos e talleres, non teño formación reglada de deseño. Fun aprendendo a deseñar a través da práctica e da observación.

filosofía

Creo nun deseño racional e sinxelo, pero con carácter.
Inténtome afastar desa liña tan "bonitista" e de catálogo que nos ten invadidos; e intento facelo por medio da observación, a adaptación, a mestura, e mesmo un toque de humor.
O estilo é unha busca constante.

Non comungo coa idea de "luxo", tampouco coa filosofía do "low cost". Penso que existe un prezo xusto e razoable para calquera obxecto ben deseñado e ben fabricado en tódolos seus aspectos.
Procuro facer cousas ben feitas, non cousas baratas.

Observo as tendencias con distancia e con receo. Creo firmemente que calquera deseño que non teña máis sustento que a moda do momento, non ten capacidade para adaptarse e perdurar. E chegaráse a converter nunha burla de si mesmo coa chegada dos seguintes "cambios de tendencias".
As cousas teñen que durar ás nosas mans e aos nosos ollos.

traballo

Deseño e fabrico.

Fago obxectos luminosos e mobiliario diverso. Tanto pequenas series dalgúns modelos, coma pezas que a súa propia natureza convirte en singulares. Ademáis de traballos a carta, pensados para cada cliente, cada espazo, e as súas necesidades concretas.
Tamén letreiros, escenografías e reformas interiores (montaxes de carpintaría, instalacións de iluminación, etc.).

Traballo con diferentes materiais. Principalmente madeira -en distintos formatos- e metal. A miña outra grande materia prima é a luz.
Tamén emprego con frecuencia materiais e obxectos rescatados (da rúa, de chatarreirías, de tendas de segunda man...). Tanto para devolverlles a súa utilidade orixinal, renovados e reestilizados, coma para convertilos en obxectos cunha nova utilidade.